El 'Prestige' i l'educació ambiental (un article de Pablo Ángel Meira)

16/12/2002 - 00:00
Es tracta d'un article en gallec, que Pablo Ángel Meira ha publicat a la premsa del seu país, i que està ple d'arguments convincents i d'una fina ironia. Meira fa una reflexió sobre l'educació ambiental, ell, de fet, n'és un expert, i sobre el desastre del 'Prestige'. REFLEXIÓNS DUN EDUCADOR AMBIENTAL SOBRE O 'PRESTIGE'
Pablo Ángel Meira Cartea Presidente da Sociedade Galega de Educación Ambiental i Profesor de Educación Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela
Pode parecer que as relacións entre 'incidentes' como o provocado polo Prestige e a Educación Ambiental son máis diferidas e distantes do que realmente son. Naturalmente, trátase dunha manifestación 'localizada' dunha problemática moito máis ampla que soemos identificar como crise ambiental e que non é máis que a arritmia evidente -e os feitos son teimudos- entre os procesos socioeconómicos que se supón garanten o noso benestar e os procesos ecolóxicos indispensables para que ese benestar sexa posible e perdurable. A Educación Ambiental entendida como unha serie de técnicas, recursos, programas, materiais, etc. soe presentarse como un instrumento para cambiar a forma en que entendemos, valoramos, nos apropiamos, transformamos e distribuímos os recursos naturais e as cargas que, inevitablemente, xera a súa explotación polo home. A profundidade e a orientación ideolóxico-política de dito cambio son motivo dunha complexa polémica dentro e fora do campo da Educación Ambiental. Incidentes como o que estamos a sufrir alimentan esta polémica. Na medida en que ocorren catástrofes ecolóxicas a Educación Ambiental vese aludida e, incluso, cuestionada. Un dos interrogantes que se abren é si realmente facemos Educación Ambiental ou, dito de outro modo, si non estaremos facendo unha Educación Ambiental meramente cosmética, superficial, centrada máis nos efectos que nas causas, unha Educación Ambiental -dentro dunha orde-, unha Educación Ambiental que a mesma realidade se encarga de arrasar periodicamente -en Galicia- en forma de mareas negras, vacas tolas, urbanismo salvaxe, incendios forestais, etc. Este sería un primeiro punto de vista. Sei que moitos educadores e educadoras ambientais sentiranse identificados: é extremadamente difícil convencer a unha sociedade opulenta (relativamente) como a galega de que a clave de problemas como o que padecemos non está só na incompetencia dos gobernantes de aquí ou de acolá, na vulneración das leis, na fraxilidade da tecnoloxía (simple ou dobre), na cobiza dos empresarios' senón no propio modelo, agora globalizado, que nos permite unha calidade de vida só perturbada cando nos manchamos os pes de cru ou miramos de esguello a chuleta de vaca que temos no prato. As catástrofes non son máis que incidentes críticos que, de cando en vez, acentúan unha problemática máis de fondo. No ano 1992, cando o embarrancamento do Mar Exeo na Ría de A Coruña, estabamos en pleno curso da materia de Educación Ambiental que imparto na Universidade de Santiago. Como non podía ser menos, aquel suceso converteuse no eixo central das clases. Despois de chamar a atención sobre a contradicción fundamental que se desvela con este tipo de catástrofes decidimos buscar outros puntos de vista que fosen máis constructivos na medida en que permitisen aprehender a lóxica destes sucesos e as súas implicacións educativas nun sentido amplo. A vía de información principal sobre o ambiente e a problemática ambiental da poboación en xeral, sexa cal sexa o seu perfil sociodemográfico, con maior ou menor nivel de estudios, son os medios de comunicación. Son estes tamén a principal vía de achegamento a incidentes como o que agora nos altera' salvo que os medios non mostran a 'realidade', senón unha representación mediada e mediatizada da mesma. Ofrecen un mosaico aparentemente amorfo de informacións que serven á cidadanía para construír a súa imaxe do que está a suceder, unha imaxeque soe ser bastante homoxénea. 'Existen algunhas claves para entender a lóxica, si é que a hai, deste proceso de conformación e aprehensión da realidade? É posible que si. Dreitzel, un analista alemán dos comportamentos sociais diante das situacións de risco, elaborou o que denominou 'guía para a próxima catástrofe'. Esta guía establece unha pauta de cinco pasos que, según el, se seguen indefectiblemente no procesamento institucional e mediático de catástrofes ecolóxicas como a que agora nos afecta. Nós, a partir da análise do embarrancamento do Mar Exeo, engadímoslle un paso máis ata quedar como sigue:
1. Os máis afectados polo accidente serán, previsiblemente, os últimos en enterarse. Pensemos, por exemplo, na sorpresa que se levaron os habitantes da Costa da Morte, cando podían ver o Prestige, que supostamente se alonxaba da costa, dende as fiestras das súas casas. 2. As informacións iniciais tenderán a quitarlle importancia ós riscos e perigos existentes. As declaracións do Ministro de Agricultura, Arias Cañete, ou do Conselleiro de Pesca, López Veiga, negando ou minimizando as repercusións ecolóxicas e económicas da catástrofe son tan paradigmáticas como as de Francisco Vázquez en 1992 cando afirmou que o 99% do fume producido polo incendio do Mar Exeo era vapor de auga ('e o 1% restante?). 3. Nos primeiros momentos existirán promesas sobre a cobertura económica e de compensación dos danos sobre ás persoas e ás propiedades: indemnizacións, subsidios, axudas' O caso actual é 'de libro', pero convén recordar que cando embarrancou o Mar Exeo na Coruña aínda non se tiñan cobrado as indemnizacións do Urquiola e agora tamén estaban por abonar as do Mar Exeo... 4. O accidente será atribuído a un 'erro humano', un 'erro de mantemento', ou a un erro facilmente subsanable dalgún elemento técnico, a fin de que non se poña en cuestión o sistema que comporta tales riscos. Resulta patética a imaxe do capitán do Prestige detido pola Garda Civil nos medios escritos e audiovisuais, ven a ser o equivalente á célebre 'cabeza de turco', o que non deixa de ser un sarcasmo para un grego. Na vertente tecnolóxica e para os que teñan mala memoria recordar que a cuestión do 'dobre casco' xa se paseou polos medios no ano 1992. 5. En tódalas investigacións posteriores haberá intentos de encubrimento e minusvaloración dos danos sufridos polas persoas, a economía local e o medio ambiente. Eso é o que está facendo, xa de entrada, a Consellería de Pesca ó limitar o número de pescadores afectados e, polo tanto, o dos potenciais receptores de axuda económica; ou tamén a loita que se vai a establecer entre as distintas aseguradoras para ver quen paga o 'morto'... para que agora, durante e finalmente o paguemos todos nós. A negación institucional da 'marea negra' cabe interpretala tamén neste sentido. 6. Cando finalice a investigación será moi pouco ou nada que cambiará. Lamentablemente, esta lección xa a temos ben aprendida.
'Cal é o obxectivo deste modelo? Desvelar os mecanismos de 'minimización da percepción do risco' (e non do risco en si) que se utilizan sistematicamente para limitar o impacto na opinión pública de catástrofes como a que nos afecta. Este modelo encaixa á perfección en sucesos tan aparentemente distintos e distantes entre si como a riada tóxica en Doñana, a fuga química de Bhopal ou o afundimento do Prestige. O poder 'educativo' deste modelo é considerable. A mensaxe que se pretende facer chegar á cidadanía é a seguinte: dentro do malo todo está baixo control, seremos capaces de limitar primeiro e eliminar despois as consecuencias negativas sobre a natureza e os homes; non é preciso, polo tanto, adoptar cambios máis radicais (que son ademais máis custosos... 'para quen?). Dentro de tres ou catro meses, probablemente para preparar a campaña turística do verán, dirase que a costa está 'limpa'. Quizás conveña engadir un novo paso para completar este modelo: tratarase de alonxar o mais posible a orixe da ameaza do punto de vista da poboación. O errático periplo do Prestige (faltou que o capitán se chamase Ulises) primeiro cara o nordeste, despois cada ó sur... chegándose a falar -no colmo da perversión globalizadora- de que podería recalar nun porto africano, obedece máis a unha lóxica mediática que a outro tipo de consideracións (técnicas, ecolóxicas, económicas...): canto máis lonxe e máis fondo menos impacto' mediático. Un colega dicíame un destes negros días que catástrofes como esta cuestionan a Educación Ambiental que se está a facer (que, por certo, non é moita). Estou e non estou de acordo con esta afirmación. Por unha parte, é certo que quedan en carne viva as contradiccións nas que se move a Educación Ambiental; pero tamén o é que a acentuación da sensibilidade ambiental da cidadanía, se somos capaces de desvelar as causas profundas e a manipulación que se produce na súa percepción do problema, pode servir para mellorar os niveis de conciencia ambiental e para mobilizala. Tratase, en última instancia, de construír unha imaxe menos inxenua e máis realista do tipo de cambios sociais e políticos que tan urxentemente necesitamos aquí en Galicia, no contorno europeo e a nivel global.

Relacionats

Butlletí